X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
martes, 20 de outubro de 2026

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
DO ENCONTRO Xosé Manuel Beiras

Tirada de El Correo Gallego

Entrevista a Beiras

Xosé Manuel Beiras: “Non estamos pola escisión, tentamos recuperar o BNG”

04/12/2011

LUIS POUSA  

"Non estamos pola escisión, tentamos recuperar o BNG"

“Se o Bloque non se refunda, se renova e abre as portas, o país terá que construír un novo movemento”

“A asemblea de xaneiro será determinante”



TEXTO Luis Pousa

Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago, 1936; presidente da Fundación Galiza Sempre; exdecano da USC e exportavoz nacional do BNG) lidera, dende a corrente Encontro Irmandiño, a proposta de refundación e de rexeneración do Bloque como casa común dunha pluralidade de opcións políticas e sociais capaces de se constituír en cauce do movemento nacionalista galego. Beiras recibirá unha homenaxe o próximo día 17, sábado, no Auditorio de Galicia de Santiago, por iniciativa dun grupo de persoas da cultura, da política e do sindicalismo.

A iniciativa naceu dunha proposta do profesor Valentín Arias xa finado, coma “unha homenaxe popular e sincera por toda unha vida adicada a Galicia e aso espertar da conciencia colectiva dos galegos”. O acto tamén pretende conmemorar os 40 anos transcorridos dende a publicación da súa obra O atraso económico de Galicia, en editorial Galaxia.



Que lle pasa ao BNG para que non fose quen de acoller parte do voto que perdeu o PsdeG-PSOE pola súa esquerda?


O problema que da lugar a este tipo de fenómenos é padecido por toda a esquerda na política institucional actual. Esa esquerda institucional foi perdendo a conexión cos problemas da maioría social neste período, cada vez máis agravados dende o rebentón do sistema financeiro mundial no 2008. A esquerda carece de discurso e lucidez para facer unha oposición frontal naquelas cuestións que así o requiren.



Iso atinxe tamén ás organizacións que representan a movementos sociais emancipadores?


Por suposto. Ese é un problema padecido polo BNG, pero non só polo BNG, neste período. O BNG está desnortado; non ten a referencia dos puntos cardinais, e desconéctase da sociedade, sobre todo dos segmentos máis lúcidos e máis activos da sociedade civil. Nos anos 90, o BNG era visto como unha forza política diferente, atípica, rebelde mais non insensata. Pese a ter aceptado as regras de xogo constitucionais e estatutarias, para a presenza no Parlamento de Galiza, xogaba ao límite e sempre deixaba claro que había que transcendelo. Levaba iniciativas que eran perfectamente congruentes coas necesidades do país, e se eran rexeitadas dicindo que aquelo non cabía na Constitución ou no marco da actual Unión Europea, a xente percibía que eran os demais os que dicían iso, non o BNG que tentaba abrir as portas.



Iso foi o o que deu azos ao crecemento do BNG?


Evidentemente. E iso foi o que se perdeu por completo.



Está na fase contraria?


Exactamente. O BNG chega a estar no goberno, e no canto de ser unha forza que rompa todo o enguedello formado durante o fraguismo, intentou moverse dentro desa maraña. En vez de fixarse tres ou catro cuestións básicas para abrir brecha fronte aos poderes inimigos de calquera avance do país e dos intereses maioritarios da cidadanía, aproveitándose desa fase inicial en que a oposición, o PP, estaba en certo desconcerto, o Bipartito non o fixo. E aínda que a súa maneira de operar e de xestionar marcaba un cambio fronte ao estilo e as formas do que fora o fraguismo e dos que están agora na Xunta, a xente non viu esa rotura.


E cando empezou a haber frustración e desencanto nos sectores máis activos, en lugar de intentar conectar e falar con eles, o que fixo foi darlle as costas e empezar a consideralos primeiro molestos e logo perigosos para o BNG. Co cal perdeu a confianza dos sectores máis lúcidos e máis activos da sociedade galega: os que foran os motores do avance da sociedade e do proxecto do BNG. E así ocorreu o que ocorreu.



Que ocorreu?


Que por unha marxe estreita de perda de votos por parte do BNG se perdese o goberno da Xunta. Pero hai outra cousa: desde o ano 2000, cando o BNG é visto como alternativa de goberno, a dirección da UPG comeza a prepararse para poder controlar a situación no caso de que chegue a gobernar, e que só podan estar en cargos de responsabilidade do Goberno ou da dirección do BNG os que sexan da confianza da dirección da UPG, ou acerten un vasalaxe respecto das consignas marcadas por ela. Iso deriva nunha persecución do inimigo interior, e produce un desgaste brutal que ata é percibido dende fora.



Cando fala da UPG, non se refire tanto o conxunto do partido como a súa dirección política?


Certo, na UPG hai moita militancia moi diversa, e eu nunca confundo un corpo social de militantes co que é unha dirección. Distinción que, por suposto, tamén aplico no Bloque.



Visto desde fora, asemella que a dirección da UPG non está moito por asumir as contradicións que sempre xenera gobernar, e gosta máis de facer oposición.


Si, iso é algo que teño escoitado moitas veces. De todas maneiras, coido que no é exactamente así. O que hai é que entre gobernar sen controlar nós a situación e non gobernar, é preferible non gobernar, E logo tamén é certo que non hai preparación de nivel para gobernar en serio.



Na preocupación do aparato do BNG está contar cos mellores para gobernar?


O BNG leva funcionando estes anos só para autorreproducirse. Eu cheguei a dicirlle ao PP de Fraga, na lexislatura 1997-2001, unha cousa brutal, dende a tribuna do Parlamento: o entramado do PP é como unha planta carnívora, que só ten vida vexetativa, pero se nutre de sustancia humana. Chegou o momento en que a min me parece que algo semellante lle está pasando ao BNG. E é un drama, pero algo diso hai.



Unha cousa é a discrepancia en termos de refundación e outra en termos de loita polo poder. Niso hai diferencias entre Encontro Irmandiño e Máis BNG?


Sobre iso, procurarei ser analítico. No senso de non facer xuízos de valor de comportamentos. Para nada vou a erixirme en xuíz. Que apareza unha loita polo poder que se bipolariza, non é máis ca forma que reviste na fase actual, dende 2009 ata hoxe, o fenómeno dun proceso que se abre a finais dos 90. Ese é un dos factores do deterioro interno do BNG. A partir do proceso que se da xa antes de 1999 e de que revente a crise interna postelectoral de 2001, e se lance o ataque contra min de que non podo ser o candidato, ocorre cos distintos segmentos organizados, que se representan distintas lecturas do proxecto común foran evoluindo e convértense en lobbies, en grupos de presión nunha dialéctica de combate polo poder. O cal é contrario do inicial. Porque no inicial a loita polo poder non importaba, importaba o avance do proxecto, vendo como eramos capaces de poñérmonos todos de acordo para que así fose. Tense a percepción de que se está tocando poder, e esa é unha evolución perversa.



Iso ten outras implicacións?


A min paréceme que hai unha simplificación abusiva da UPG. Unha cousa é facer unha crítica dura, como eu a fago, da UPG, e dígoo con franqueza absoluta, e outra é demonizala. Pois se os outros segmentos do Bloque funcionasen como partes que intentan levar adiante un proxecto común, a UPG quedaría soa e non podería facer o que fixo. Dentro do BNG, a UPG sempre foi minoritaria. Se os segmentos do BNG se converten en lobbies, entón, evidentemente, o principio de cooperación é substituído polo de competición. Aí quen leva as de gañar é o que é máis habelencioso niso, e quen ten menos escrúpulos. Entón a militancia máis inocente, a que pensa máis en Galiza, sempre leva as de perder. É aquelo de cando a Salomón acoden dúas mulleres reclamando que ambas eran nai dunha mesma criatura, e el dilles: “moi ben, partámolo pola metade, e metade para cada unha”. E unha delas salta, e di “non, non”, e cede a que o leve a outra. Esa era a auténtica nai. Iso mesmo é o que pasa dentro do BNG: a xente sen escrúpulos aproveitase da xente que máis quere ao BNG. Esta é a historia real, non son fantasías do Beiras.



Que facer?


Eles non son capaces de explicar porque nos anos noventa o BNG ocupaba parte do espacio do POE, ía captando espectro en dirección á dereita, e, sen embargo, non deixaba espacio para Esquerda Unida. E dende hai un lustro, polo menos, resulta que cando pincha o PSOE, o BNG non recolle nada e, ademais, Esquerda Unida nos fai un passing shot. Dirase que non é moi relevante pero duplicou os resultados. Nestas eleccións eu sentín un grande alivio porque o BNG conserve os dous escanos nas Cortes.



Perdelos sería terrible?


Terrible. É que se se perdesen eses escanos non é que os perdese o Bloque; é que Galiza quedaba fora. Estamos na segunda fase final da restauración borbónica, e sería nefasto que non estivésemos aí, porque Galiza estase a xogar moito. Nos votos que fixeron posible eses dous escanos están os daqueles que, a pesares de todo, votaron ao BNG por lealdade a Galiza, non por quen dirixe a organización. Pero iso non o teñen en conta. Consideran que a cousa vai moi ben, porque iso lles permitiu salvarse dunha crise financeira e manter os choios dos postos; é dicir, que a planta carnívora siga funcionando.



Se non se refundase o BNG, Encontro Irmandiño encetará unha nova etapa fora del. Ese podería ser o ultimátum?


Sen falar en términos de ultimatum, a cousa sería : O Encontro Irmandiño tivo a súa terceira asemblea e fixou a posición, que foi feita pública e se lle comunicou ao BNG. O que se dicía era que cumpría convocar xa dunha vez a asemblea plenaria do BNG con tales características, e ir a unha refundación nesa asemblea. Iso implicaba a recuperación do proxecto político e da vixencia das regras de xogo e democracia interna. Entón, se non se fai iso, nos contribuiremos á creación dun novo suxeito político organizado. Ese é o nos plantexamento. Algunhas das nosas propostas aceptáronse, como cos plenarios finais que volven ser asemblea de militantes e non de compromisarios, e que houbese un proceso previo de reflexión e debate interno no mes de xullo, etc. Logo, coa convocatoria das eleccións xerais, o proceso quedou interrompido, e agora parece que o que queren facer é un trámite sen máis.



E que van facer vostedes?


Nos, ata agora, estamos cumprindo o que acordamos, e así llo dixemos ao BNG. Iso significa que estamos esforzándonos porque na asemblea de finais de xaneiro de 2012 se establezan claramente as bases, os criterios e as garantías dun proceso de refundación. Iso non se fai nun día, pero propoñemos un cambio profundo e absoluto. Estamos elaborando os documentos para tese poítica-ideolóxica e a tese organizativa. E vámolos a presentar.



Como Encontro Irmandiño?


Como Encontro Irmandiño pero con máis xente. Precisamente non nos precipitamos por iso. Si o desenlace da asemblea nacional frustra iso, evidentemente acabouse. Nos non temos nada que facer, a partires dese momento o BNG non é a nosa casa. Isto non é un ultimátum, é simplemente dar cumprimento aos nosos acordos. Levamos moito tempo termando das redeas de moita xente que di que con iso non hai nada que facer e hai que marcharse. Non, non, non as cousas hai que levalas ata o final mentres haxa posibilidades.



Hai posibilidades?


Eu dicíao o outro día nunha mesa redonda: compre construír sobre o xa existente. O que non podemos facer é dicir que isto non vale ren e botar todo para abaixo. Eu non identifico ao BNG coa súa dirección, co aparato. O BNG son milleiros de militantes de diversas opinións, e o primeiro que hai que lograr é que se expresen e participen. Se logo a consecuencia é que a decisión que se toma é máis do mesmo e non vai resolver nada, entón nos iremos. En cambio, se avanza na refundación, nos traballaremos por ela. Non estamos preparando unha escisión, non estamos pensando en meterlle unha bomba ao BNG, estamos intentando recuperar ao BNG. Pero somos conscientes de que todo está moi verde.



Non sen tempo?


Dende hai certo tempo veño dicindo que estou persuadido de que estamos no remate dun ciclo histórico en varias dimensións. A nivel mundial, estamos nunha fase de caos sistémico. O deseño da Unión Europea de Maastricht está esgotado, si ben pode perdurar un tempo. A nivel do Estado español, rematou o ciclo da Transición. Isto é tamén o que di Ignacio Sotelo nun artigo recente publicado en El País. En Galicia, rematou o ciclo autonómico, os populares baleiraron de contido a autonomía e hoxe temos unha especie de deputación superprovincial: un organismo cunhas funcións meramente administrativas. E o BNG acabou entrando na mesma vía de involución do propio sistema. Polo tanto se refunda, se renova e abre as portas, ou o país ten que construír outro movemento para a seguinte etapa, a non ser que o país estea agónico, e sen remedio.



Insinúa que os dirixentes do BNG están ante unha responsabilidade histórica?


A obriga deles é ser conscientes disto. Se non o fan, consciente ou inconscientemente están traizoando a este povo ao que din defender. Están traizoando a Alexandre Bóveda, a Castelao, A Vilar Ponte, a Casal. Están perdendo de vista que eles débense a toda unha traxectoria histórica que ven de moi atrás; a moitos milleiros de persoas que pelexaron por este país. Se non reflexionan terán que asumir as súas responsabilidades, porque llelas van pedir, e non será o Beiras quen llas pida.



O Bloque está bloqueado?


O Bloque está parasitado internamente. Que máis proba de lealdade a un proxecto político pode haber que alguén plantexe que compre recuperar as fontes, e refundar aquilo que se fixo en 1982, adecuado a actualidade, porque xa pasaron trinta anos. A política faise na práctica coas orientacións dos vectores do proxecto estratéxico. Falo de rexeneración no senso de recuperar as regras de ouro da coexistencia, convivencia e cooperación interna que permitiron, cunha pluralidade de visións do proxecto común, que este avanzase. Iso é absoluta lealdade.



O aparato do BNG está a por en dúbida a lealdade dos que son críticos coa situación interna?


Estou farto de que, por riba, nos vituperen e difamen. E digo, os que non son leais ao Bloque son eles, non nós. O BNG non é este aparato; é un proxecto, un deseño e unha masa de cidadanía. É unha base social diversa, unha alianza de clases, a cal habería que ampliar. Iso é o BNG, e non catro señores que controlen algo dende arriba. Cando se fala de núcleo duro, é unha expresión que me resulta equívoca. Porque por núcleo duro entendese aquel que mantén unha teima de lealdade a aplicar o proxecto fronte a sectores máis maleables, que se adaptan a situación. Ese non é o caso do BNG, ese núcleo non o hai para nada.


voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal